A alcaldesa Carmela López celebrou “o éxito desta iniciativa e o gran traballo do IES Perdouro na súa organización”, e puxo en valor “a riqueza multicultural de Burela”
Burela, 12 de xuño de 2024. O Concello de Burela celebrou, na biblioteca do IES Perdouro, o Día da Literatura Caboverdiana, coa lectura da obra ‘Siríaco e Mr. Charles’ de Joaquim Arena entre outras actividades.
A xornada contou con diversas intervencións, comezando polas do estudante de orixe caboverdiana Isaac Sosa, a profesora e representante da comisión organizadora do evento Vanessa Vila-Verde, e o autor Joaquim Arena. Este último interviu en videoconferencia dende Lisboa, onde acaba de tomar parte da súa Feira do Libro.
Por parte do Concello, participaron a alcaldesa Carmela López, a concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, e o concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado. Tamén o persoal do CIM e do servizo municipal atención a persoas migrantes.
Interviron así mesmo, na clausura da xornada, María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, e Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas.
Carmela López celebrou “o éxito desta iniciativa e o gran traballo do IES Perdouro na súa organización”, e puxo en valor “a riqueza multicultural de Burela, en particular a da comunidade caboverdiana”.
Pola súa banda, Mario Pillado destacou que “o contacto e colaboración que mantemos cos centros, cos diferentes colectivos e coa mocidade é fundamental para mellorar a nosa vila, e se manifesta en iniciativas como esta”.
“É moi importante dar ás diferentes culturas que temos a sorte de xuntar en Burela o prestixio que merecen, que a sociedade sinta orgullo da literatura caboverdiana e de tódalas sinais de identidade das diferentes sensibilidades que podemos atopar na nosa vila”, engadiu o edil.