Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros adquirirá unha moto de auga para o servizo de socorrismo

A alcaldesa enviou un escrito solicitándoa á Dirección Xeral de Emerxencias en decembro do 2023, que culminou coa proposta de sinatura dun convenio por un importe de 20.000 euros

Barreiros, 18 de xuño de 2024. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de acadar a sinatura dun convenio coa Dirección Xeral de Emerxencias para adquirir unha moto de auga para o servizo de socorrismo. O Concello de Barreiros recibirá 20.000 euros para afrontar a compra dun material que fora solicitado por escrito pola propia alcaldesa en decembro de 2023.

Ana Ermida sinala que “Barreiros contará así cun equipamento profesional moi demandado polos servizos de emerxencias, co que se dotará ao servizo de socorrismo e á propia agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil; tomando a iniciativa de propoñer melloras que contribuirán a unha mellor seguridade nas nosas costas, e que permitirán mellorar moito os tempos de resposta e a chegada a lugares de difícil acceso para as zodiacs”.

Ermida manifestou a súa “satisfacción por acadar esta colaboración para un servizo no que levamos anos traballando en melloralo e lograr a maior eficacia do mesmo, nunha situación xeral complexa pola escaseza de persoal.” Igualmente agradeceu á Dirección Xeral de Emerxencias que “amosara a receptividade á demanda do goberno barreirense que supón, en definitiva, unha mellora da seguridade en Barreiros e na comarca”.

A rexedora explicou que en decembro de 2023 enviou un escrito á Dirección Xeral de Emerxencias no que solicitaba a colaboración para contar cunha moto de auga para un servizo cada vez máis mermado e con máis dificultades para lograr a cobertura de toda a costa. Ermida trasladaba as dificultades de prestar servizo nunha costa como a barreirense, en mar aberto e con máis de oito quilómetros de litoral; atendendo así ás aportacións do propio persoal, que sempre sinalou a mellora substancial en rapidez e eficacia que suporía contar cunha moto de auga nos rescates.

Esta solicitude foi atendida pola Dirección Xeral de Emerxencias, que nestes días trasladou á alcaldesa a posibilidade de asinar un convenio por importe de 20.000 euros para afrontar dita compra, coa que Barreiros situará o seu equipo de rescate coma un dos máis eficientes e con mellores dotacións do País; xa que a moto vén a sumarse á dúas zodiacs que estarán en funcionamento nas vindeiras semanas e o vehículo de apoio en terra, a cargo do coordinador de socorrismo e da técnica de primeiros auxilios.

Exit mobile version