Viveiro, 21 de xuño, 2024. Hoxe venres sae unha expedición de Bágoas dá Terra de Viveiro co Grupo infantil de Danzas “Abrente” para participar no XXI Festival Folclórico Nacional Infantil “Ciudad de Badajoz”.
O grupo “Abrente” da Asociación Bágoas dá Terra nace dentro das escolas de Danza, Gaitas e Pandereteiras, dentro das que a día de hoxe ten constituído outros dous grupos, “Ledaíña” e “Brandán” diferenciados por idades. Son a futura canteira do grupo de adultos.
Está constituído por nenos e nenas ata 13 anos, nesta ocasión participarán 30. Os seus compoñentes forman o corpo de baile pero tamén a parte musical, cos instrumentos de gaita, tamboril, pandeireta e bombo.
No XXI Festival Folclórico Nacional Infantil “Ciudad de Badajoz” representarán parte do seu repertorio composto por danzas da Mariña luguesa, da zona montañosa do interior da provincia e doutras zonas de Galicia, utilizando un variado vestiario en función da escena para representar. Danza O Espantallo, Muiñeira de Xunqueira, ou Chovendo en Santiago son algunhas das danzas que representarán.
Desde os inicios das escolas infantís e xuvenís de Bágoas dá Terra pasaron por “Abrente” diferentes xeracións que participaron e levaron o noso folkore por diversos Festivais, tanto rexionais, nacionais como internacionais, por exemplo o Festival de Folclore infantil Lorca, O Festival Internacional de Cracovia en Polonia ou o Festival Internacional de Matosinhos en Portugal. A xeración actual conta con novas e recentes incorporacións cunha gran ilusión por aprender e divulgar o noso folclore e cultura popular.
Van representar a Galicia esperando realizar un espectáculo digno e por tanto tentar levar o nome de Viveiro co orgullo que sempre representa.