O goberno local organiza cinco días de xornadas de portas abertas nos que a veciñanza poderá acceder á piscina de forma gratuíta en quendas de 2 horas
Desta forma, o vindeiro sábado, 15 de xuño, a partir das 12:00 as piscinas exteriores da área recreativa da Madalena abrirán oficialmente as súas portas. Así, a veciñanza poderá acceder ás mesmas en franxas de dúas horas cun límite máximo de 150 persoas por tanda e de forma totalmente gratuíta ata o mércores 19 de xuño, cando rematarán as xornadas de portas abertas, dando paso o xoves 20 ao funcionamento normal das instalacións.
Durante a súa visita, que poderá ser de 12:00 a 14:00, de 14:00 a 16:00, de 16:00 a 18:00 ou de 18:00 a 20:00, os e as visitantes poderán coñecer ao completo as instalacións e darse o seu primeiro baño.
Pola súa banda, a alcaldesa, Marta Rouco, explicou que “dende o goberno local levaremos esta semana ao pleno extraordinario a nosa proposta de prezo público para as entradas das piscinas municipais, cuxo custe será de 0 euros para menores de 2 anos, de 2,50 euros para nenos e nenas de 3 a 14 anos e de 3,50 euros para maiores de 14 anos”.
Ademais, a veciñanza e os visitantes contarán coa posibilidade de adquirir un bono de 10 baños por un prezo reducido que será de 20 euros para menores de 14 anos e de 30 para maiores de 14 anos. En todos os casos, a entrada dará acceso ás instalacións durante todo o día, con posibilidade de saír e volver entrar durante o horario de apertura das piscinas que será de luns a domingo de 12:00 a 20:00 horas.
“Comprometémonos a ter abertas as piscinas para mediados deste mes e así o fixemos” sinalou a rexedora Marta Rouco, quen aproveitou para “convidar a todos e a todas a que se acheguen a coñecer as piscinas e a estrealas co seu primeiro baño”.