O punto de seguridade Caravana Morada está presente na rúa Eijo Garay dende o pasado sábado 1 de xuño, en horario de 23:00 a 7:00
O punto de seguridade Caravana Morada está presente na rúa Eijo Garay dende o pasado sábado 1 de xuño, en horario de 23:00 a 7:00. Hoxe, día 3 de xuño, será a súa última xornada de funcionamento, antes do remate das Festas de Burela deste ano, que terá lugar mañá coa a ofrenda floral en homenaxe ás persoas que faleceron no mar.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destaca “a gran importancia deste servizo, que foi considerado como exemplo de boas prácticas pola FEMP para previr a violencia de xénero a nivel local”.
“É esencial seguir loitando pola igualdade das mulleres tamén no contexto das festas, porque, por exemplo, segundo datos do Ministerio do Interior, de cada seis violacións só se denuncia unha”, sinala a concelleira.
O equipo da Caravana Morada está composto por unha educadora social e mais por unha psicóloga xurídica e sexóloga especializada en xénero e criminoloxía. As profesionais están formadas tamén en primeiros auxilios para atención de baixa intensidade.
Entre as funcións da caravana atopamos as de proporcionar atención psicolóxica e eventualmente acompañar no traslado a un centro médico a vítimas de violencia machista ou delitos de odio, asegurando sempre o anonimato das persoas.
Tamén serve como punto de seguridade para menores de idade, para proporcionar atención social en caso de situacións de vulnerabilidade ou como punto de carga móbil gratuíta para evitar situación de vulnerabilidade de rapazas e rapaces, entre outras funcións.
As profesionais proporcionan tamén información sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional segundo as consultas que se lles trasladen. Atópanse en coordinación constante co dispositivo de seguridade das festas.