Ribadeo, 29 de xuño de 2024. As bandeiras azuis locen xa nos areais ribadenses. O acto central tivo lugar esta mañá nas Catedrais.
O alcalde, Dani Vega, lembrou que Ribadeo conta con 7 praias e que manteñe os galardóns de Bandeira Azul e Q de Calidade Turística Os Castros, As Illas e As Catedrais.
Na súa intervención dixo que “co fin de cumprir co cometido do Concello de Ribadeo en canto a vixilancia, rescate e salvamento nas praias, na RPT municipal cóntase cun servizo composto por un xefe de grupo, 15 socorristas e 3 técnicos sanitarios mediante a modalidade de persoal laboral fixo-descontinuo.
Nun primeiro momento este persoal contaba cun contrato de 2,5 meses, que no presente ano 2024 se ampliou ata os actuais 3 meses. O contrato deste 2024 vai do 17 de xuño ao 16 de setembro, pero o servizo estará dispoñible nas praias dende o 17 de xuño ata o 8 de setembro, ambos incluídos, ao gozar das vacacións nos últimos días de contrato”.
Vega sinalou que “a anterior dotación de persoal está deseñada para dispoñer de servizo de socorrismo nas praias de Os Bloques, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais, pois son as de maior afluencia no municipio”. Este servizo estaría formado do seguinte modo: As Catedrais en todo momento 1 sanitario e entre 2-4 socorristas en función da marea; Esteiro: 1 socorrista; As Illas: 2 socorristas; Os Castros: 1 sanitario e 2 socorristas; Os Bloques: 1 socorrista; apoio zodiac: con 2 socorristas.
Pese a iso, nos últimos anos non se conseguiu contratar aos traballadores necesarios para atender esta necesidade por falta de candidatos, soamente chegando a cubrir as praias galardoadas con Bandeira Azul e Q de Calidade Turística”.
O alcalde explicou que “en concreto, na presente tempada de praias do Concello de Ribadeo, disponse actualmente dun xefe de grupo, 11 socorristas (fronte aos 15 desexados) e 3 técnicos sanitarios”.
No acto das Catedrais interviu tamén o presidente de Adeac, José Palacios. Asistiron as concelleiras de Turismo e Seguridade, Marta Saiz e Montse Seijo, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, así como representantes do Círculo Habanero da Devesa, das asociacións veciñais da Devesa e da Rochela, o xefe da Policía Local, miembros de Protección Civil e os socorristas e técnicos sanitarios que traballan nos areais ribadenses.