Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca a cuarta edición do Ribadeo Ilustrado. O paseo previsto para o sábado suspéndense por mor do mal tempo previsto

Ribadeo, 6 de xuño de 2024. Hoxe arrinca a cuarta edición do Ribadeo Ilustrado, que organiza o Concello. O paseo previsto para o sábado, día 8, suspéndense por mor do mal tempo previsto para esa xornada.

A cita estará dedicada a Antonio Raimundo Ibáñez, fundador da Real Compañía Marítima.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, lembrou que “o programa de actividades dará comezo hoxe cun concerto da Orquestra de Cámara Galega na igrexa parroquial a partires das nove menos cuarto da noite”.

Saiz comentou que “mañá pola tarde ás seis e dez na Casa do Concello terá lugar a presentación do libro As máscaras de Ibáñez, o Marqués de Sargadelos que nunca foi, a cargo de Avelaiña Teatro, que despois representarán a obra do mesmo título ás 20:30 horas no auditorio municipal. E ás sete o ribadense Alberto Paraje, secretario da Asociación de Estudos Históricos de Galicia, falará sobre O Ribadeo de hai 300 anos visto polos ilustrados”.

A edil ribadense anunciou que “lamentamos ter que suspender o paseo teatral e musical programado para o sábado, día 8, entre o Pazo de Ibáñez e o Forte de San Damián a partir das 11:30 da mañá e no que iamos contar cunha ducia de grupos musicais e teatrais así como de guías oficiais. Para o sábado dan moita choiva e iso desluciría este paseo que con tanto agarimo preparamos desde o Concello e desde os colectivos participantes aos que lles agradecemos a súa implicación. É unha mágoa, pero xa estamos a traballar na busca doutra data para poder levar adiante esta actividade, que ía ser o broche de ouro do IV Ribadeo Ilustrado”.

Marta Saiz insistiu en que “o resto da programación de hoxe e de mañá mantense sen alteracións, de aí que animemos a ribadenses e visitantes a sumarse á programación deseñada para este cuarto Ribadeo Ilustrado”.

Exit mobile version