Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida: “O portavoz do PP minte cando di que os desbroces comezaron esta semana”

Barreiros, 19 de xuño de 2024. A alcaldesa de Barreiros pediulle seriedade ao portavoz do Partido Popular e que deixe de mentir deliberadamente -unha vez máis-, a raíz das absurdas manifestacións realizadas sobre os desbroces. Ana Ermida sinalou que “a estas alturas xa se realizaron labores de desbroce en todas as parroquias e as afirmacións da oposición só poden deberse a unha desvergoña absoluta que non lles impide mentir na cara da veciñanza ou a un descoñecemento total do concello, como consecuencia de nin sequera vivir nel e vir a Barreiros só a gañar cartos”.

Ana Ermida lembroulle a Gómez Puente que “hai xusto agora cinco anos, cando collemos o goberno por primeira vez, a situación dos desbroces era ben diferente: non empezara o persoal contratado, non se limparan os camiños nin os paseos marítimos e o persoal municipal carecía de ferramentas de traballo”. “Só realizara el mesmo unhas ridículas segas en pleno centro de San Cosme, nos xardíns das vivendas sociais, dunha herba que superaba o metro de altura”, engadiu.

Neste sentido, Ermida lembrou que a situación era tan caótica, sen organización, persoal, nin ferramentas que houbo que acudir ao voluntariado para dar adecentado un mínimo o concello; ao que a veciñanza respondeu magnificamente para mellorar a imaxe que deixara o goberno de Gómez Puente.

A rexedora lembrou ademais que o primeiro convenio que houbo que asinar foi coa área de Medio Rural da Deputación para comprar un tractor desbrozadora (para traballar nos xardíns e áreas públicas que estaban cheas de silvas e maleza e nas que non se podía pensar en meter un cortacéspede) e desbrozadoras de man, porque as que había eran vellas ou rotas, xa que non se levaba control ningún sobre as mesmas, nin en mantemento nin en existencias.

A situación do Concello de Barreiros desde hai cinco anos, mellorou notablemente tanto en organización e planificación como en material; investíndose máis de 200.000€ en maquinaria para o adecentamento de zonas verdes, como desbrozadoras, cortacéspedes, podadoras, sopladores ou tractores -tanto de xardín como de vías-.

Ademais, desde o goberno municipal, en colaboración co persoal municipal, planifícanse os traballos en función das necesidades e dos medios existentes e a veciñanza sabe que os desbroces se realizan dun xeito ordenado e non en función de intereses persoais. “Ademais, todo o mundo sabe -salvo o portavoz da oposición- que o crecemento da herba en determinadas épocas do ano, como a primavera, e en función do tempo, se produce ao mesmo tempo e o control da mesma, por moi cedo que se actúe, é ineficaz”, asegura a alcaldesa. “Sacar unha nota de prensa con este contido a estas alturas do ano é absolutamente ridículo”, afirma, “E máis cando neste concello baixo o goberno de Gómez Puente como responsable de medioambiente, ten chegado agosto sen tocarlle a camiños de varias parroquias, entre elas, San Cosme”.

Ermida lembra que agora mesmo hai traballando en Barreiros tres tractores -dous municipais e un contratado externo- que están desenvolvendo as labores necesarias para a veciñanza e que todo o mundo amosa comprensión, salvo a oposición destrutiva que só lle importa mostrarse agresiva, en lugar de facer autocrítica da súa recente xestión; que deixou un Concello que houbo que adecentar en todos os sentidos”, conclúe.

Exit mobile version