Ana Carballo, comisaria da exposición, foi descubrindo con gran habilidade a figura deste formidable escultor. Naceu en Chantada en 1920 nunha familia de once irmáns. Todos traballaban no taller familiar de carpinteiros e ebanistas pero Eduardo Rodríguez Osorio tiña tal facilidade par tallar e modelar que decidiron mandalo estudiar a Santiago á Escuela de Artes y Oficios. Da capital de Galicia marchou a Madrid, pensionado pola Deputación de Lugo e cursou estudos na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando. Xa licenciado, foi seleccionado para ir becado a Sevilla co fin de estudiar imaxinería relixiosa na Escuela Superior de Bellas Artes de Sta Isabel de Hungría e no ano 1952 a Deputación de Lugo concédelle novamente unha subvención extraordinaria para completar estudos en París e países de Europa Central onde tivo a oportunidade de aprender de grandes maestros coma Rodin e Bourdelle.
No ano 1955, chega como profesor de debuxo ó recén inaugurado Instituto Laboral de Ribadeo onde estivo ata 1963. Ribadeo foi moi importante na súa vida e obra. Por un lado, fixo amizade con grandes figuras da época como Dionisio Gamallo Fierros, que hoxe lle dá nome ó centro, Amando Suárez Couto, ou Daniel Cortezón facéndolles bustos que poden observarse na exposición. Pero ademáis foi unha época tan prolífica que non só modelou impresionantes retratos dos amigos senón de outros moitos ilustres personaxes e monumentos que están repartidos pola xeografía española.
Tamén se inspirou para moitas obras na cultura galega e na representación de animais. Pero cabe destacar as obras inspiradas na muller-nai, feitas cunha sensibilidade tal que aínda sen rostro están cargadas de sentimento.
En definitiva, “quedamos abraiados ó descubrir unha pequena parte da obra deste grande escultor e seguro que a partir de agora vemos con outros ollos o busto de Carlos María Rodríguez de Valcárcel, obra de Osorio que preside o hall do instituto, ou o busto de El Viejo Pancho que nos saluda cada vez que imos á biblioteca municipal e que Osorio fixo para a súa inauguración en 1957”, sinalan desde o IES.