Site icon Crónica3.com A Mariña

“Altri e as elites máis que extractivas”, por Gonzalo Vázquez López

Falamos de “elites extractivas” para referirnos a esas minorías que enchen os petos a conta do común. Esta expresión exitosa de Acemoglu e Robinson (2012) mesmo non abonda para cualificar aos grupos que pretenden montar a celulosa de Altri en Palas de Rei, esa aberración etiquetada polo PP de “proxecto industrial estratéxico”.

Afirman os devanditos economistas que as elites extractivas son as que “sen crear riqueza, detraen rendas da meirande parte da cidadanía”. Esta casta de depredadores espolia o que sexa mester para lucrarse, mais na Galiza a cousa é máis grave aínda: non só “non crean riqueza” senón que asemade deturpan e destrúen o noso patrimonio.

Velaquí o caso de Altri. Esta macrocelulosa, dez veces máis grande que a de Ence na ría de Pontevedra, precisará de máis auga ao día que a que consume toda a provincia de Lugo. Os seus vertidos residuais a 27 graos contaminarán o río Ulla e a ría de Arousa. A súa cheminea de 75 m. cuspirá ao ceo gases tóxicos que provocarán choivas ácidas. Comerá ao ano 2,4 millóns de toneladas de eucalipto para encher o seu bandullo… E non sigo porque as páxinas deste xornal non chegarían para dar conta dos prexuízos que este megaproxecto suporía para os intereses da nosa nación. E falo de Galiza.

O certo é que a multinacional portuguesa Altri quere chantar aquí o seu monstro porque en Portugal é ilegal e non llo permiten. Tedes que informarvos imparcialmente, con estudos serios e científicos, para non caer nas manipulacións interesadas desa banda mafiosa de ladróns e profesionais da mentira que só gobernan para os consellos de administración das empresas amigas, esas “elites máis que extractivas” que tiran dos fíos do poder aínda que non se presenten ás eleccións.

Rueda dinos que “no se autorizará el proyecto si no cumple la normativa”. Mais de que normativa fala? Xa se levan presentadas máis de 25.000 alegacións e, no canto de seren estudadas pola Consellería de Economía, a Xunta pásallas á empresa. Pero é que Altri vai a elaborar un informe que sexa contrario aos seus intereses? Acaso somos parvos? .

Non sei se sabedes que a que foi Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, xa cambiou de choio e que agora é membro do Consello de Administración de Greenalia, precisamente esa compañía que constituíu un consorcio con Altri para a instalación da pasteira. Falamos de portas xiratorias? Será unha casualidade ou sonche cousas da vida?.

E aínda por riba, se esa celulosa non acada fondos europeos por non cumprir os criterios do PERTE, pretenden financiala cos nosos cartos. Recursos públicos para unha empresa privada que, para que se forren os de sempre, perpetrará unha desfeita ecolóxica.

Así que iso suporá tamén a perda de miles de postos de traballo. Os veciños afectados, o mesmo que aconteceu cos seus devanceiros, xa poden ir facendo as súas maletas para emigrar e oxalá que non se topen con gobernos fascistas que lles dean coa porta nos fociños. E se a súa terra está esgotada, pois que se fodan! Esa “raza superior” da dereita espelida e sen complexos miraraos por riba do ombreiro e diralles que teñen o que se merecen por seren un “pobo atrasado” que non soubo defender os seus intereses.

A boa nova é que aínda estamos a tempo de parar esta desfeita. Non podemos permitir que a cruzada proactiva do PP e a actitude inactiva do PSOE, ámbolos dous cómplices na defensa deste proxecto, siga adiante. Eu xa vou maior pero un país esquilmado non é a herdanza que lle quero deixar aos meus netos. Así que o día 30 de xuño estaremos en Compostela protestando pacificamente contra Altri, arrodeando a sede da Xunta en San Caetano, e defendendo os intereses de Galiza que son os nosos.

Exit mobile version