A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo hoxe en Madrid unha chamada á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) neste sentido
Aproveitando esta circunstancia, a titular de Medio Rural apelou aos responsables da industria para que teñan en conta a situación dos gandeiros e os incrementos dos seus custos de produción á hora de revisar os prezos dos contratos do leite. Trátase de que eses indicadores lles permitan aos produtores manter a súa actividade percibindo uns ingresos que cubran os custos, cunha marxe de beneficio, como calquera empresa, co fin de garantir a rendibilidade das explotacións.
Ao tempo, cómpre lembrar tamén que o propio director xeral de Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, insistiu esta mesma semana, nunha reunión convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) en Valladolid, na necesidade de que se respecte e se cumpra a lei da cadea alimentaria para garantir ese equilibrio na cadea de valor do leite.
Garantir a transparencia e o equilibrio
En definitiva, a Xunta solicita á industria láctea que cumpra cos produtores galegos e rexeita, de novo, calquera práctica que poña en cuestión a transparencia e equilibrio no sector lácteo. Ademais, o Goberno galego intensificará o seu esforzo e as súas xestións para que se reduza o diferencial de prezo entre o leite producido en Galicia e noutras comunidades españolas.
A maiores, cómpre engadir que a Xunta vén de reclamar por carta axilidade ao Ministerio de Facenda para a devolución do imposto do valor engadido (IVE) pendente a persoal gandeiro, derivado especificamente da compra de pensos ou enerxía, aspectos que teñen unha importante incidencia na conta de resultados das explotacións.