Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 650.000€ na ampliación de prazas de pantalán no porto de Celeiro

O conselleiro do Mar visitou a dársena na que se están a executar os traballos que permitirán a creación de 18 novas prazas de 3ª lista e 52 para náutica recreativa

VISITA DE ALFONSO VILLARES A LAS OBRAS DE LOS PANTALANES DEL PUERTO DE CELEIRO

Viveiro, 04 de xuño de 2024. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia está a investir 650.000 euros nas obras de ampliación de prazas de amarre para embarcacións profesionais e recreativas no porto de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro. Así o trasladou o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, que visitou esta mañá as obras acompañado polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez.

Durante a súa visita, o conselleiro supervisou os traballos que consisten na dotación de novas prazas de atraque mediante a instalación pantaláns flotantes e a recolocación dun dos pantaláns deportivos existente. Con esta actuación darase cobertura ás necesidades de toda a frota profesional (3ª lista) e de recreo (7ª lista). Para a 3ª lista contémplanse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a náutica, 52 prazas de 6 metros.

Concretamente, os traballos inclúen o deseño dun novo pantalán para a frota profesional, situado na marxe sur da dársena, xunto aos peiraos de descarga de embarcacións da terceira lista. Polo que respecta aos atraques para embarcacións de recreo, situaranse na marxe este da dársena e os dous pantaláns deportivos contarán con accesos independentes. Finalmente, para dar cabida á frota profesional será preciso recolocar un dos pantaláns deportivos actuais de forma que garanta a maniobrabilidade das embarcacións.

O conselleiro do Mar informou que a día de hoxe os traballos, iniciados no mes de febreiro, atópanse en fase xa moi avanzada e estase procedendo ao afincado dos pilotes que sustentan os módulos de pantalán. De non producirse ningún imprevisto, prevese que as obras poidan quedar rematadas no vindeiro mes de xullo.

Exit mobile version