Terá capacidade para aloxar a 37 usuarios e o custe total dos traballos será de 1,8 millóns de euros
Esta actuación desenvolverase no marco do novo Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Executivo autonómico financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A construción da futura residencia de Riotorto terá un custe total de 1,8 millóns de euros e será o Concello o que se encargue da licitación e contratación das obras unha vez que se asine o convenio de colaboración entre as Administración autonómica e local. O inmoble presentará unha estrutura modular con semisótano, que acollerá o garaxe e distintos servizos como o de lavandería; planta baixa para os espazos comúns, como comedor ou sala de enfermaría; e a planta alta que quedará reservada para as habitacións.
O xerente do Consorcio destacou o impulso histórico que supón o Plan de Investimentos, tanto na mellora de instalacións como na creación de 500 novas prazas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna. Ao respecto, engadiu que este plan permitirá seguir reforzando a rede de servizos locais e de proximidade destinados ás persoas maiores.