A iniciativa está financiada ao 100% con fondos propios e dá continuidade ao traballo desenvolvido dende 2009 que, cun investimento superior aos 17 millóns de euros, permitiu impulsar 400 proxectos para a mellora do estado e a produtividade dos bancos marisqueiros
Este proxecto, que está financiado ao 100% polo departamento autonómico e conta cun investimento que supera os 174.000 euros, distribuídos en catro anualidades: 2021-2024, dá continuidade ao traballo que se leva desenvolvendo dende 2009. Concretamente, o Goberno galego destinou dende ese ano máis de 17 millóns de euros para 400 proxectos relacionados coa mellora do estado e a produtividade dos bancos marisqueiros. Tal é así que as accións aprobadas permitiron actuar sobre máis de 18 millóns de metros cadrados de zonas de traballo e sementar preto de 300 millóns de unidades de cría de distintos tipos de ameixa.
Recoñecemento público ás mariscadoras
Con esta iniciativa, ademais de paliar a elevada mortalidade dos moluscos bivalvos rexistrada nos últimos meses a consecuencia da meteoroloxía, cúmprese outro obxectivo da Consellería, que é por en valor o extraordinario traballo destas profesionais, pois 3/4 partes das persoas que se dedican ao marisqueo en Galicia son mulleres. É dicir, unhas 3.600.
Con estes datos que non son menores, Alfonso Villares lamenta que a administración autonómica continúe soa no compromiso de axudar a este sector. Deste xeito, insta, novamente, ao Goberno central a declarar zona catastrófica aquelas áreas máis afectadas polos fenómenos excepcionais e cubrir así o máximo impacto da produción. Para o titular de Mar, a negativa do Executivo estatal demostra unha clara discriminación con respecto a Galicia, pois en España rexistráronse outras situacións de emerxencia ou catástrofes semellantes e Goberno, pola contra, si que foi máis proactivo.
Proceso do cultivo
O Centro de Investigacións Mariñas realiza unha investigación orientada e aplicada, que persegue a xestión racional e eficaz dos recursos mariños renovables. Oriéntase principalmente á acuicultura de moluscos e peixes. Está integrado polo Centro de Investigación de Corón, Vilanova, e unha planta en Ribadeo. Actúa como organismo asesor da administración pesqueira galega nas cuestións da súa competencia que demandan os diferentes sectores produtivos a través das direccións xerais e oficinas territoriais da Consellería do Mar. As súas principais liñas de investigación contaron cun investimento próximo aos 700.000 euros, financiados a través do orzamento propio da Consellería, dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia europeo e da FEMP, a través de Redemar.
No caso do lote entregado ás mariscadoras de Cariño, as sementes tiveron a súa fase de cultivo larvario e post-larvario no CIMA de Ribadeo, ata que alcanzaron o tamaño axeitado para ser trasladadas ao mar e completar a fase de preengorda nas instalación de O Vicedo, onde chegaron a unha media non maior de 12 milímetros. O seguinte período de crecemento está agora na man destas profesionais, que inicialmente continuarán co proceso en sacos sobreelevados. Unha vez alcancen o tamaño ideal serán sementadas nos areais, en bancadas con protección horizontal de rede e finalmente serán liberadas para medrar en liberdade. Este proceso de cultivo terá unha duración de entre 16 a 18 meses ata que alcancen o tamaño comercial; momento no que serán recollidas para a súa venda.