A décimo terceira xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia terá lugar mañá día 11 de xuño ás 12,00 horas co único punto do día dos feitos acaecidos no campo da Fonte, en Cospeito
Santiago, 10 de xuño de 2023. A Xunta de Galicia condena profundamente os feitos acaecidos no día de onte no partido de ascenso á Primeira Galicia da Real Federación Galega de Fútbol entre o Racing Vilalbés B e o C.D. San Ciprián e convoca de urxencia á Comisión Galega de Control da Violencia co obxecto de depurar responsabilidades.
Deste xeito, a décimo terceira xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia terá lugar mañá día 11 de xuño ás 12,00 horas co único punto do día dos feitos acaecidos no campo da Fonte, en Cospeito.
O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insiste na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e une este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia. Neste sentido e tras menos de 24 horas dende o acaecemento dos feitos, o mandatario galego advirte que “a Comisión seguirá traballando día a día para que ningún suceso violento quede impune. Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”.