Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aposta polo impulso da madeira como elemento estrutural na construción cunha liña de axudas de 5M€

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, inaugurou o curso de formación Cálculo de estruturas de madeira organizado pola USC

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, reiterou hoxe a aposta da Xunta polo impulso da madeira como elemento estrutural na construción e subliñou a liña de axudas da Consellería de Economía e Industria habilitada para este fin e dotada con 5M€ para os anos 2024 e 2025.

Jacobo Aboal inaugurou hoxe o curso de formación Cálculo de estruturas de madeira organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) na Escola Politécnica Superior de Enxeñería do campus de Lugo para dar a coñecer a industria forestal-madeira de Galicia onde puxo en valor o apoio da Xunta ao tecido industrial galego ligado á madeira, con diferentes liñas de axudas ao sector e que este ano xa acadan os 10M€.

O director tamén anunciou que nas vindeiras semanas se resolverá a convocatoria das axudas por importe de 800.000€ destinadas ao fornecemento dun conxunto amplo e diverso de accións formativas, non regradas, orientadas a profesionais da industria forestal-madeira, así como a estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira.

Finalmente, Jacobo Aboal salientou o convenio de colaboración asinado entre a Axencia Galega da Industria Forestal e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (PEMADE) da USC para a realización das actuacións necesarias para fomentar o emprego de frondosas autóctonas para a descarbonización do sector da construción e a promoción da madeira na construción. Segundo sinalou, a través deste convenio estase a traballar en aspectos como o fomento da madeira de castiñeiro na construción con madeira, o fomento desta especie en forxados mixtos formigón-madeira ou na promoción do uso da madeira na construción co reforzamento do software gratuíto de aproximación ao cálculo estrutural denominado TRABE.

Exit mobile version