A proba discorrerá pola localidade fonsagradina e contará cun percorrido de 15 quilómetros. Ademais, complementarase cun ‘minitrail’ de catro quilómetros polo Camiño de Santiago
Durante a presentación, Fernández felicitou ao Concello e as asociacións colaboradoras coa organización deste evento –Asociación Deportiva Cultural Balompé da Fonsagrada e a ANPA da Fonsagrada- por ser quen de manter no tempo unha proba deportiva destinada ás familias nun pequeno concello do rural. Un rural que, segundo sinalou, está “cheo de oportunidades e de talento” e que “só necesita servizos públicos e de calidade para fixar poboación”.
Deu os parabéns ao Alcalde e ao seu equipo de Goberno “polo compromiso continuo que ten co tecido asociativo da Fonsagrada. Un compromiso que, neste caso, ten a súa tradución nunha cita que fomenta o deporte entre os máis pequenos ao tempo que impulsa o desenvolvemento socioeconómico da comarca”. Nese sentido, o Deputado destacou os valores que transmite o deporte aos máis pequenos e o impacto económico deste tipo de iniciativas.
Dúas probas deportivas en familia
A proba ciclista, que está deseñada para nenos e nenas de 5 a 16 anos e poden apuntarse pais e nais, contará cun percorrido de 15 quilómetros pola localidade fonsagradina. Ademais, a cita contará tamén cun ‘minitrail’ de catro quilómetros na contorna do Camiño de Santiago apto para todos os públicos. Tal e como explicaron o Concelleiro de Deportes da Fonsagrada, Silbán Palmeiro, e o técnico, Enrique Fernández, desde as 9.00 horas poderán recollerse os dorsais na Praza do Concello, lugar de onde sairán os deportistas ás 10.30 horas. Como peche da xornada, a organización convida aos participantes a unha churrascada na Alameda, que comezará ás 14.30 horas.