Isabel Rodríguez reiterou o apoio do Goberno para enxalzar as potencialidades dos concellos da montaña lucense, contando cun financiamento de máis de 190.000 euros
Lugo, 26 de xuño de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou esta mañá a importancia da innovación dixital para ampliar o impacto das políticas de dinamización do territorio no rural lucense. Así o afirmou na presentación da ferramenta web “aldeasvivas.gal” que acolleu o salón de actos da Axencia Tributaria, unha iniciativa que se enmarca dentro do proxecto “Territorio Intelixente” promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e que conta cunha axuda de 190.137,28 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Acompañada polo presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e a directora de AGADER, Mº Paz Rodríguez; a subdelegada incidiu “nas oportunidades desta nova fiestra dixital aberta ao mundo, que aglutina nun mesmo espazo información, servizos e oportunidades para a promoción da vivenda ou a creación de emprego”. Neste senso, destacou que “foi este Goberno o primeiro en poñer sobre a mesa políticas para facer fronte ao reto demográfico, outorgando por vez primeira axudas directas para este fin”.
Aproveitou a súa alocución para felicitar tanto ao GDR como á FEGAMP “polo seu traballo para desenvolver proxectos de dinamización socioeconómica e reactivación territorial, sempre apoiándose no tan necesario tecido asociativo para dar cumprimento ás demandas e necesidades dos seus veciños e veciñas”.
Ademais, a subdelegada defendeu o traballo entre administracións e con entidades e asociacións apegadas ao territorio, sinalando en concreto “as políticas de estado contra o despoboamento a través da mellora dos servizos públicos para os habitantes do rural, que permitan tamén promover a implantación de novos poboadores a través dun apoio integral que acolla os seus proxectos vitais”.
Finalizou a súa intervención tendendo a man “en nome do Goberno para conseguir un reequilibrio territorial que garanta, neste caso para a montaña lucense e os 13 concellos que formades parte do GDR, a igualdade de oportunidades de todas as persoas, independentemente de onde vivan”.