Afirmou que as obras do futuro Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, avanzan a bo ritmo co fin de recoñecer a este artista gráfico tan vencellado á localidade
A Fonsagrada, 6 de xuño de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisou esta mañá o avance das obras para a construción do Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, co que A Fonsagrada recoñece e homenaxea a este artista gráfico tan vencellado á localidade. Nesta visita, celebrou xunto co alcalde, Carlos López, o bo ritmo das obras financiadas cunha axuda de 183.000 euros do programa PIREP local, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
A subdelegada afirmou que o proxecto suporá un revulsivo económico, social e cultural tanto para o concello como para toda a comarca, sendo o primeiro centro cultural dedicado en exclusiva ao debuxante. “A súa personalidade imprimirase neste futuro centro museístico, fonte de dinamización para toda a veciñanza e para persoas interesadas na súa figura”.
Isabel Rodríguez felicitou ao alcalde “por presentar este proxecto e conseguir os fondos precisos para facelo realidade, reflectindo a admiración e recoñecemento dos fonsagradinos a Forges”. Pola súa banda, destacou “o compromiso do Goberno coa revitalización dos concellos do rural, apostando por destinar recursos e servizos e facendo fronte tamén ao reto demográfico”.
Do mesmo xeito, Isabel Rodríguez agradeceu de novo a xenerosidade da familia de Antonio Fraguas por ceder parte da colección do artista, desde viñetas, a fotografías, pasando por libros, plumas e mobiliario, entre outros obxectos. “Unha parte do seu legado, testemuño histórico e inimitable do noso país”, apuntou.
Actuacións previstas no edificio
O edificio albergará non só o centro cultural de Forges con viñetas, debuxos, fotografías, libros e diferente material do aclamado artista gráfico, senón tamén a nova Oficina de Turismo, un salón de actos e diferentes espazos para usos municipais. Para iso, cos fondos do Goberno, o Concello da Fonsagrada levará a cabo traballos de consolidación e reforzo da estrutura do edificio, dotación de illamento térmico e renovación da carpintería. A intervención máis importante realizarase na parte traseira do edificio, onde se recuperará o patio histórico, cun sistema activo de control ambiental mediante a implantación dun patio-invernadero que permita a regulación da entrada de luz e a ventilación. Ademais, substituirase a antiga caldeira de gasoil por un sistema combinado de xeración fotovoltaica e caldera de biomasa. A obra ten que estar rematada antes de finais de setembro de 2024.