Site icon Crónica3.com A Mariña

A Policía Autonómica levanta 13 actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado nas festas de Burela

Os axentes identificaron tamén 110 persoas e interviñeron substancias estupefacientes

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024. Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica en Lugo levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 3 de xuño, no marco das festas da Virxe do Carme e San Xoán Bautista de Burela. Como resultado das inspeccións identificouse 110 persoas e levantáronse 13 actas de infracción. A maiores, interviñéronse diversas substancias estupefacientes.

A meirande parte das actas, nove, foron por consumo de alcohol por parte de menores. A estas súmanse tres relacionadas con infraccións da lei de protección da seguridade cidadá, por tenza de substancias estupefacientes na vía pública, e outra por infraccións á normativa de venda de alcohol e das leis sobre drogas e de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.

Exit mobile version