Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria amosa dúbidas sobre o anuncio do conselleiro da cobertura de facultativos no centro de saúde do Valadouro

A Mariña 27 de xuño de 2024. Diante do anuncio que o Conselleiro de Sanidade fixo onte no pleno do Parlamento Galego de que ía haber dous médicos no Centro de Saúde do Valadouro, un xubilado e un residente de cuarto ano; desde a Plataforma Sanitaria da Mariña “queremos manifestar que de ser certo este anuncio sería unha boa noticia para a poboación do Valadouro e para toda a comarca da Mariña, máis tamén temos que poñelo en cuarentena debido aos múltiples anuncios que levan facendo en relación á cobertura de profesionais de medicina de familia e mesmo de pediatría, como aconteceu en Ribadeo ou como ocurriu o día antes da concentración que xuntou a unhas cincocentas persoas no Valadouro, caendo estes anuncios no máis absoluto esquecemento”.

Desde este colectivo “manifestamos que ata que non sexa efectiva esta cobertura de persoal sanitario continuaremos coas mobilizacións e denuncias públicas, catalizando a indignación, a preocupación e o malestar das veciñas e veciños do Valadouro ou de calquera outra localidade, fartas de anuncios e noticias que logo non pasan de ser mera publicidade”. “É por isto que animamos ás veciñas e veciños de Valadouro, así como das poboacións veciñas e da comarca a que acudan o sábado 29 de xuño á concentración que terá lugar diante do Centro de Saúde do Valadouro ás 12 horas”.

Exit mobile version