O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “aínda que o día internacional do skate se celebra hoxe mesmo, os organizadores decidiron pospoñer a data en Ribadeo ata mañá para favorecer que se acheguen rapazas e rapaces de toda A Mariña e do Occidente asturiano, que xa remataron o curso escolar”.
O edil ribadense explicou que “haberá clases de skate dirixidas a xoves que queiran realizar esta práctica deportiva por primeira vez e tamén para persoas que desexen mellorar as súas habilidades e a técnica do skateboarding. O número máximo de participantes será de 36. Cada clase terá unha duración de 90 minutos e están planificadas dúas pola mañá, dúas pola tarde e dúas en horario nocturno. Entre os participantes haberá un sorteo de premios”.
Silvent engadiu: “animamos a todos os amantes do skate a achegarse este sábado á pista de skate de Ribadeo a disfrutar desta práctica deportiva”.
O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes e por Enrique Garate, da empresa organizadora e profesor de skate.