Viveiro, 18 de xuño de 2024. A Oficina Municipal de Voluntariado do Centro de Servizos Sociais do Concello de Viveiro abre unha convocatoria de petición de persoas voluntarias para proxectos dirixidos a colectivos desfavorecidos.
Trátase en concreto do ‘Proxecto de apoio educativo, lecer e tempo libre’, o ‘Proxecto de acompañamento social’ e o ‘Proxecto de repartición de alimentos perecedoiros’.
“Agradecemos de antemán a colaboración, xa que os veciños e veciñas de Viveiro responden sempre moi ben a todas as iniciativas de voluntariado e solidarias”, sostén a alcaldesa, María Loureiro.
O primeiro proxecto consiste en dar apoio educativo e actividades de lecer e tempo libre durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos. Valorarase a formación na área educativa e social.
“No segundo proxecto necesitamos persoas voluntarias para realizar actividades en acompañamento como saír á rúa para pasear, realizar xestións, ou acompañamento ao médico”, explica a concelleira de Benestar Social, Catalina Fernández.
No último proxecto, as persoas voluntarias colaborarán na recepción e distribución de alimentos perecedoiros entre as familias máis vulnerables.
As persoas interesadas en colaborar con estas iniciativas sociais teñen que chamar ao Centro de Servizos Sociais de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas aos teléfonos 982 550421 / 604 046956, ou enviar un correo electrónico á dirección mli.voluntariado@viveiro.es.