As novas instalacións darán servizo desde o primeiro momento aos concellos de Abadín, A Pastoriza, A Pontenova, Meira e Trabada, ademais de Riotorto
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e varios alcaldes da comarca, a responsable autonómica explicou que, inicialmente, esta planta dará servizo a seis concellos (Abadín, A Pastoriza, A Pontenova, Meira e Trabada, ademais de Riotorto), que suman unha poboación de máis de 15.500 habitantes.
Tras lembrar que esta infraestrutura substitúe á antiga microplanta localizada tamén en Riotorto, con capacidade para tratar tan só os residuos procedentes do contedor xenérico, explicou que as novas instalacións están preparadas para transvasar as tres fraccións que recibe a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) —envases de plástico, latas e briks (bolsa amarela), fracción resto (bolsa negra) e materia orgánica (bolsa marrón)— e transferilas despois á planta de compostaxe de Cervo.
Ademais, a instalación conta cos mellores equipos en canto a eficiencia enerxética e tamén con paneis solares que permitirán compensar os consumos eléctricos. Así mesmo, dispón dunha depuradora, de sistema de pesado e aparcamento para varios contedores.
Cómpre lembrar que esta infraestrutura de transferencia forma parte da Rede pública impulsada pola Xunta para a valorización da materia orgánica de orixe doméstico, os chamados biorresiduos, unha fracción que os concellos están obrigados por lei a recoller separadamente nos seus respectivos territorios.
Neste sentido e aínda que as competencias de xestión dos residuos son municipais, o Goberno galego mantén o seu apoio aos concellos para axudarlles a garantir o cumprimento da normativa neste eido, poñendo ao seu alcance as dotacións necesarias.
A tal fin, Ángeles Vázquez explicou que a rede pública impulsada polo seu departamento para a xestión da materia orgánica está composta por 17 plantas: 4 dedicadas ao tratamento dos biorresiduos para facer compost —1 por provincia— e 13 de transferencia —todas elas dotadas dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica recibida, como paso previo ao seu traslado ata a planta de compostaxe máis próxima—.
45 M€ de investimento
A conselleira salientou a boa marcha dos traballos tanto no caso das instalacións de nova construción como daquelas remodeladas a partir doutras xa existentes, o que permite que, a día de hoxe, a rede para a valorización dos biorresiduos de orixe urbana estea xa practicamente completa e operativa.
De feito, coa entrada en funcionamento en xullo da planta de transferencia de Riotorto, a única que quedará pendente é a de Vigo, que recibiu a finais de abril a licenza municipal para poder adaptar as instalacións existentes cunha tolva reservada para a fracción orgánica.
Neste sentido, a responsable autonómica destacou tamén que o investimento previsto na posta en marcha destas 17 infraestruturas destinadas á xestión e tratamento dos biorresiduos en toda a Comunidade ascende a 45 millóns de euros, contía cofinanciada pola Unión Europea con 30 millóns a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.