Participarán 86 equipos dende biberón ata xuvenil que reunirán a 1.032 participantes de toda Galiza, Castela e León, Madrid, Cantabria e Asturias
O torneo celebrarase do 21 ao 25 de xuño en pavillóns de Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), unha sede compartida que busca lembrar a Rodrigo Maseda Lozano, así como estender pola comarca a práctica deportiva á vez que impulsa a economía grazas á chegada de acompañantes das xogadoras e xogadores.
O Vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, estivo acompañado de Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano; o presidente da Fundación Indecum, Marcelino Luna, o director do torneo, Alfonso Mera, o inspector xefe da Comisaría de Viveiro, Roberto Saa, e o xefe Brigada Provincial da Policía Xudicial, Moisés Muñiz. Tamén asistiron a alcaldesa de Burela, Carmela López; o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado; o concelleiro de deportes burelao, Carlos Méndez e o presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira Mayor.
A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación apoia esta cita organizada pola Fundación Indecum. Durante as xornadas agárdase a chegada de 1032 participantes: xogadores, xogadoras e técnicos dos diferentes equipos duns 86 equipos das categorías biberón e prebenxamín mixto e de prebenxamín a xuvenil masculino e feminino. Entre os participantes hai equipos de toda Galiza, así como de Castela León, Madrid, Asturias e Cantabria.
Castro celebrou o éxito desta cita que “ano tras ano atrae a centos de persoas á Mariña arredor do fútbol sala, un deporte que na provincia de Lugo ten unha gran representación e que se converteu nun referente para as pequenas e os pequenos”. Así mesmo, o director do torneo destacou a importancia desta competición en igualdade “xa que conta con representación masculina e feminina en todas as categorías, dende os 4 anos ata os 18, e vólvese unha oportunidade para reivindicar a igualdade de oportunidade entre os máis novos independentemente do xénero”, con 58 equipos mixtos e masculinos e 28 femininos.
A organización xestiona nestes días o aloxamento dos equipos de fóra da comarca, que se hospedarán fundamentalmente en hoteis de Viveiro, Foz, Burela e Barreiros. Á demanda xerada polos participantes súmase a de familiares e acompañantes, que multiplicarán o impacto económico do evento na hostalería da comarca.