O 16 de xuño terá lugar a xeoruta do Ollo do Sapo, no Vicedo, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:30 horas, guiada polo xeólogo Fran Canosa. Son 20 as prazas dispoñibles para gozar deste paseo duns 7 quilómetros e medio a través dunha paisaxe de enorme beleza.
Os asistentes terán a oportunidade de coñecer a costa vicedense, esculpida sobre as rocas denominadas Ollo de Sapo, que foron orixinadas pola transformación metamórfica de magma e as cinzas dunha enorme cadea de volcáns explosivos, que chegaban ao Vicedo desde o centro da península.
Para o 29 de xuño está prevista a xeoruta da Marosa, en Burela, de 10 a 13 horas, guiada polo xeólogo Iván Rodríguez. O número de prazas tamén será de 20. Os participantes observarán os materiais graníticos que conforman a base da paisaxe na Mariña Occidental, así como a dinámica costeira, as formas de erosión e depósito como covas, cantís, praias ou tómbolos.
As incricións para realizar calquera destas dúas xeorutas pode facerse na páxina web: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
Xeo finde na Mariña
Medio cento de persoas (adultas e nen@s) participaron nas actividades do Xeo finde na Mariña, que tiveron lugar os días 1 e 2 de xuño.
Catorce persoas gozaron da ruta de interpretación xeolóxica dos granitos de San Cibrao, que foi guiada polo xeólogo Iván Rodríguez. Os asistentes chegaron desde Castro Riberas de Lea, Viveiro, Lugo, Teo, Foz, Celeiro, Burela e A Coruña.
Tamén o sábado tivo lugar un taller de minerais dedicado aos máis cativos, que foi impartido por Fran Canosa no auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao. Os 13 nenos e nenas (xunto ais seus pais/titores) puideron coñecer mellor as distintas propiedades dos minerais como a cor, o hábito, o brillo, a fluorescencia ou incluso a fosforescencia. A cativada procedía de Foz, As Pontes, Lugo, Burela, Mondoñedo e Viveiro.
E 22 persoas participaron na xornada do domingo na xeoruta do Sor. O xeólogo Fran Canosa achegounos coas súas explicacións á singularidade da xeoloxía da zona, a través dunha paisaxe espectacular. Foz, Xove, As Pontes, Viveiro, Teo, Lugo, Vilalba e O Barqueiro foron os lugares de procedencia dos asistentes a esta actividade.
O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.