Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación participa na Xornada sobre Asociacionismo e gobernanza en turismo da Mancomunidade da Mariña

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Casjoto, participou este mércores no CENIMA de Foz neste foro que abordou os modelos de organización pública e privada nos destinos turísticos

Lugo, 5 de xuño de 2024. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, asistiu este mércores no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz, á Xornada sobre Asociacionismo e gobernanza en turismo. Mesa de calidade SICTEC (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) que organizou a Mancomunidade de Concellos da Mariña.

Cajoto Caserío puxo en valor o labor que desenvolve esta administración de carácter supramunicipal integrada polos 16 concellos desta comarca e destacou o modelo turístico que desenvolve a Deputación de Lugo, “de calidade, sostible, non masificado e desestacionalizado, en sintonía cos concellos e coa comarca da Mariña”. Así mesmo, lembrou a constante colaboración que mantén a institución provincial coa Mancomunidade, tanto en accións concretas como co Plan de Sostibilidade Turística que o Goberno do Estado lle concedeu á Mancomunidade. “Un Plan moi interesante, a través do que se poden desenvolver grandes iniciativas e tecer liñas de traballo do sector de cara o futuro”, resaltou.

O obxectivo deste encontro foi poñer de manifesto os distintos modelos de organización e colaboración pública e privada nos destinos turísticos. Tras a creación do Grupo de mellora SICTED sobre Fórmulas organizativas e modelos de gobernanza en turismo, o pasado 6 de novembro de 2023, este colectivo continúa a dar pasos de cara a estruturar algunha fórmula asociativa a nivel privado neste ámbito, unha cuestión que xa se puxo de manifesto noutros foros do SICTED.

Tras o acto de benvida e presentación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a xerente do Plan de Sostibilidade Turística desta comarca, Tania Hermida, realizou a presentación do destino A Mariña e a Mancomunidade como entidade de xestión turística no territorio. Logo tivo lugar unha mesa redonda, moderada por Iñaki Gaztelumendi, sobre as diferentes fórmulas de xestión e colaboración público e privada dos destinos da Costa da Morte, a Ribeira Sacra e Xixón.

Exit mobile version