Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación impulsa a produción e a rendibilidade do porco celta cunha achega de 39.000€

O Presidente asinou con ASOPORCEL un acordo este martes para desenvolver este proxecto que ten como finalidade principal poñer en mans dos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden o máximo rendemento

Lugo, 11 de xuño de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Asociación de Criadores da Raza Porco Celta (ASOPORCEL), José Barreira Alonso, un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 39.000 euros a esta entidade. O obxectivo deste acordo é impulsar un plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade nas granxas de porco celta.

José Tomé Roca avanzou que “coa firma deste convenio a Deputación colabora con este proxecto que ten como finalidade principal poñer en mans dos gandeiros e das gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden o máximo rendemento. Ademais, este plan supón un importante impulso para a profesionalización do sector, para o asentamento das ganderías existentes e para atraer aos mozos e mozas a iniciarse na actividade gandeira como modo de vida”.

Nesta liña, as actividades que se van desenvolver dentro desta iniciativa son as de asesoramento xeral e formación dos gandeiros, orientación e control da xestión dos aspectos sanitarios da produción, así como das medidas de bioseguridade e do mantemento das instalacións. Igualmente, tamén se inclúen recomendacións sobre cuestións relacionadas coa alimentación dos animais, a trazabilidade da produción e asuntos comerciais e publicitarios.

Neste proxecto, que xa se vén realizando nos últimos anos, tamén se inclúen programacións integradas e individualizadas para cada unha das granxas, o que permitirá conseguir resultados de produción máis beneficiosos, en canto a cantidade e a calidade, así como mellores oportunidades comerciais.

O Presidente destacou que “esta colaboración demostra o noso compromiso co sector primario e agrogandeiro, que, sen dúbida, é un dos motores económicos da provincia, pois contribúe a crear riqueza, xerar emprego e, en definitiva, fixar poboación no rural da nosa provincia”.

ASOPORCEL

ASOPORCEL constituíse no 1999 e é a primeira e única asociación que agrupa aos produtores de raza porco celta en Galicia. A día de hoxe, esta entidade supón un piar clave para o sector, posto que realiza numerosas actividades de promoción, formación, profesionalización e especialización do sector gandeiro galego co fin de acadar un ámbito competitivo e sostible.

Na actualidade, a entidade conta con 136 granxas asociadas, sendo a maioría delas da provincia de Lugo, cun total de 74 socios e 2.480 cabezas.

Exit mobile version