A asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete son as novas integrantes do órgano participativo que xa supera as 60 entidades
Na reunión, Pablo Rivera anunciou a incorporación de tres novos membros nos órganos participativos da Reserva logo de que as solicitudes de ingreso foran aprobadas polo órgano reitor. Desta maneira, incorpóranse a asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete. Pablo Rivera valorou positivamente que xa sexan máis de 60 entidades as que integren o órgano de participación da Reserva Terras do Miño, “uns datos que non deixan de medrar e que demostran o traballo constante que fai a institución provincial por involucrar o tecido asociativo na toma de decisións do desenvolvemento sostible do territorio”.
Ademais de Rivera Capón, tamén participaron o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; e a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; así como de técnicos provinciais da área de Medio Ambiente.
Así mesmo, o Deputado informou ao órgano participativo de Terras do Miño da proposta definitiva do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, logo da fase de exposición pública e a consulta técnica a través das mesas sectoriais. Un plan que determina as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos e que contará con fondos propios da Deputación dun total de 1,3M€ para o período comprendido entre o 2024 e o 2034.