“A Xunta ten que cubrir as baixas dos médicos, Viveiro non é un concello de segunda”, advirte
Viveiro, 5 de xuño de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, advirte “da grave situación do noso centro de saúde, ata o punto de que xa non hai citas de Atención Primaria libres en todo o mes de xuño”.
“Desgrazadamente non é unha situación nova”, lembra a alcaldesa, “e desde o concello reclamamos en moitas ocasións á Consellería de Sanidade da Xunta unha solución urxente que non chega”.
O pasado mes de novembro, os veciños e veciñas de Viveiro manifestáronse para reclamar unha mellor atención sanitaria. Ademais das demoras en atención primaria, hai tamén problemas continuos no servizo de pediatría.
O goberno local insiste en destacar “a gravidade da situación, está en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas”, aos que demandan “que reclamen tamén as deficiencias, que presenten reclamacións no centro de saúde para que a Consellería de Sanidade faga algo”.
“A Xunta ten que cubrir as baixas, Viveiro non é un concello de segunda, está en risco a saúde de máis de 15.000 veciños, aos que se xuntan as persoas que nos visitan no verán”, remata Loureiro.