O concello inaugura o complexo de lecer nun acto ao que asistiu o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca
Na súa intervención, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “con estas piscinas, veciños e visitantes poderán gozar dunha nova oferta de ocio para todas as idades, que serve ademais para impulsar e poñer en valor este espazo natural que é a Área Recreativa da Madalena”.
“Estou convencida de que este complexo terá un importante efecto chamada á hora de promocionar Vilalba como destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio, de calidade, familiar e en contacto coa natureza”, engadiu Rouco.
Os asistentes á inauguración percorreron o espazo, que conta con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima, e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros.
Ademais, as instalacións tamén contan cun edificio de servizos que se atopa semisoterrado nunha das ladeira do espazo e no cal se integran os vestiarios, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción.
A alcaldesa de Vilalba agradeceu ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, “o apoio que desde un primeiro momento deu a este proxecto, consciente da súa importancia para Vilalba e para toda a nosa comarca”.
“O de hoxe é un día moi especial, xa que cumprimos ademais co compromiso de ofrecer este complexo a todos os nosos veciños e veciñas antes do comezo do verán”, rematou Marta Rouco.