Site icon Crónica3.com A Mariña

“10 anos e un día”, por Antonio Gregorio Montes

‘X máis un día’ teño entendido que é a expresión dun tempo en clave xurídica para que non se lle poda rebaixar de golpe unha sentencia a alguén, quedando como posibles só rebaixas parciais, encadradas dentro da mesma categoría de gravidade que o feito penado co de ‘X máis un día’.

Pois onte, 19 de xuño, o rei actual da monarquía española cumpriu 10 anos de monarca. Cabe resaltar que accedeu a ese posto por herdanza, por suposto, pero ademais, non por morte do seu predecesor, senón por abdicación. Algo que, din, salvou unha monarquía desprestixiada por diversas accións do monarca. E onte mesmo, un diario revela que o actual rei mantivo contactos co plutócrata presidente emir comandante supremo emiratí acolledor do abdicado monarca antecesor, nas datas anteriores e posteriores a ir vivir ós soleados lugares do golfo. Mentres, de portas a fóra o monarca facía acto de cortar comunicación co seu antecesor na cadeira real. Iso, hai xa anos.

Case vinte e nove anos antes dese 19 de xuño de 2014 que se lembrou onte, era o agora emérito quen era coroado rei á morte do ditador, en cumprimento da lei de sucesión na xefatura do estado de 1947. Tres anos máis tarde estaría inscrito na constitución xa democrática que o estado español é unha monarquía parlamentaria. Texto, por certo, que comeza co seu nome a título de rei de España, precedendo a calquera outra afirmación constitucional, incluída a citada antes do artículo 1º da Constitución. Despois de varios anos residindo fóra, e non cotizando aquí, o pasado ano recomezou as visitas a algún dos seus antigos vasallos en territorio peninsular.

Agora, na celebración dos dez anos de reinado do segundo rei despois de Franco, somos informados de que a princesa Leonor levaba un vestido de Roberto Verino, galego el, e de que puxo unha nota entrañable de paso que lle daba as grazas ó pai (non en nome do pobo, senón como filla) polas ensinanzas recibidas. Creo lembrar que no seu momento, o actual rei fixo algo parello (dar as grazas) co rei anterior (o que dimitiu), antes da serie de escándalos que dez anos despois de dimitir e unha labor continuada de propaganda, parece que vai chegando atenuada ós nosos oídos. Cabe lembrar que a princesa será a próxima monarca? Si, cabe lembrar que está a prepararse o camiño para unha monarca entrañable. Quizais sexa o adxectivo elixido para caracterizar ese período futuro de monarquía, entrañable, como para o anterior foi ‘campechano’. Coido que o actual non tivo unha preparación semellante (preparación de adxectivo, digo) por falta de tempo ó ser unha transición precipitada pola abdicación; o termo ‘preparado’ aplicado ó actual monarca foi algo do momento, asegurando un valor para os primeiros tempos, que despois foi esquecéndose.

Agora estamos xa no segundo decenio de reinado. Pasamos pois a outra categoría: de aí os festexos celebrados.

Quedaría moito por dicir, as vidas dos reis pasados enchen coleccións de libros. E a preparación indica que tamén quedará moito por saber e dicir no futuro.

Un detalle final: o dicionario da RAG axusta que Rei se escribe con maiúscula cando se trata de nomear ós Reis Magos, pero non noutro caso.

Exit mobile version