Lugo, 19 de maio, 2024. Malia estar inmerso na preparación da tempada de Pista, a II Copa España 500m terá lugar o próximo fin de semana en Sevilla, Xoel Docal non deixou pasar a oportunidade de participar unha vez máis na proba máis antiga de Galicia como é a Copa Miño (unha das súas favoritas xunto coa Travesía Ria de Foz), desprazándose desde Barcelona para participar nela.
18km de proba nunhas condicións moi duras polo elevado caudal de auga co que baixaba o río Miño desde Rábade ata a ponte Romana de Lugo.
Desde a saída formouse un grupo que chegou compacto ata o caneiro de Santa Isabel, desde o cal Xoel Docal puxo un ritmo moi alto que lle permitiu despegarse para chegar ao Piago (porteo obrigatorio e moi resbaladizo) en solitario con algúns metros de distancia aos dous competidores que á postre serian segundo e terceiro na meta en Lugo.
A partir de aquí o focense foi consolidando e aumentando a súa distancia sobre os seus seguidores ao paso de Hombreiro, chegando a meta cunha ampla vantexe de mái de 1 minuto sobre o seu inmediato perseguidor, Miguel Ángel Pérez do Club Piragüismo Cambados, e de case dous sobre André Corredoira do Cidade de Lugo.
Este domingo retornará de novo a Barcelona para cumprir as súas obrigas laborais e o venres desprazarase a Sevilla onde se atopará cos seus compañeiros do Club Ría de Betanzos para a II Copa España.