Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares pon en marcha a mesa de traballo do marisqueo na que canalizar o traballo dos técnicos autonómicos en favor da actividade produtiva

O responsable autonómico destaca a experiencia e profesionalidade do persoal da Consellería do Mar e dos centros de investigación galegos como a mellor garantía para atopar solucións ante os desafíos actuais do sector

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, presidiu a I Mesa de Traballo do Marisqueo na que se busca canalizar e poñer en común o traballo que se está a desenvolver por parte dos técnicos da Consellería e dos seus centros de investigación co obxectivo de aportar solucións eficaces aos retos que presenta a día de hoxe a actividade produtiva. Alí o titular de Mar puxo en valor a experiencia e profesionalidade do persoal autonómico que sinalou como a mellor garantía para concluír con éxito a misión de atopar solucións reais e efectivas ás dificultades polas que atravesa o sector.

No encontro participaron representantes das Direccións Territoriais na Coruña, Celeiro e Vigo, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e dos centros de investigación: Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). A finalidade é reunir a perfís técnicos multidisciplinares con diversos antecedentes, habilidades e experiencias de cara a xerar ideas innovadoras, potenciando deste xeito a xeración de solucións máis eficientes, completas e sustentables.

Durante toda a xornada realizáronse presentacións nas que as diferentes unidades compartiron co resto de asistentes as liñas de traballo que se están a desenvolver, as necesidades detectadas así como o análise desde diferentes perspectivas dos desafíos aos que se enfrontan, configurando unha ampla fotografía global da situación que está a atravesar o marisqueo como base indispensable para abordar adecuadamente todas as dimensións dos problemas da actividade marisqueira.

A primeira reunión da Mesa de Traballo serviu como punto de partida xa que, do análise que se faga en cada un dos departamentos respecto do intercambio de coñecemento e ideas derivado deste primeiro encontro, se establecerán novas dinámicas de traballo ao longo das vindeiras semanas entre os participantes para continuar avanzando na tarefa de atopar propostas ou iniciativas que se poidan materializar como solucións efectivas aos problemas identificados.

Exit mobile version