Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares confirma que a Xunta traballa intensamente nun plan dotado con 123M€ para impulsar a competitividade e sostibilidade do marisqueo

Afirma que, para unha solución adaptada á cada zona de marisqueo, se está a traballar intensamente cos centros de investigación e os técnicos; un traballo para o que a Xunta de Galicia continúa sen o apoio do Goberno central

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, confirma que a Xunta de Galicia traballa intensamente nun plan dotado con 123 millóns de euros para impulsar a competitividade e sostibilidade do marisqueo en Galicia. Deste xeito, a administración autonómica está a estudar as causas da caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías en cooperación co sector e os centros científicos de referencia en ciencias mariñas.

Ademais, segundo detallou, xa foron executadas algunhas das medidas recollidas neste plan como os 4 millóns en achegas extraordinarias e directas aos profesionais afectados ás que hai que sumar as publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) por máis de 7 millóns de euros para os afectados pola paralización da actividade extractiva. Tamén reiterou o reforzo dos fondos destinados a rexenerar os bancos marisqueiros no curto e medio prazo e xerar novas zonas de traballo, fortalecendo a vixilancia e o labor dos biólogos.

Solucións para o marisqueo

O conselleiro do Mar afirmou que existe unha intensa colaboración cos centros de investigación galegos para buscar unha solución adaptada á realidade de cada ría e a cada zona de marisqueo. Deste xeito, explicou que se está a levar a cabo unha escoita profunda para acadar, xunto cos técnicos, unha solución que sexa útil e efectiva. Traballarase tamén na procura de especies máis resilientes e en diversificar a produción, mellorando a comercialización man a man co sector.

A este respecto, afeou ao Goberno central que continúe sen destinar ningunha axuda e lamentou que a súa inacción contribúa a aumentar a incerteza das mariscadoras ao non aceptar tampouco a declaración de zona catastrófica. “Bandeiras moitas, pero cartos ningún” reiterou. Pola contra, puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia que, neste traballo, está completamente soa, ao non contar co apoio do Executivo estatal.

Viaxe institucional a Arxentina

Por outra banda, Alfonso Villares destacou que a viaxe institucional a Arxentina reforzou as vías de comunicación e o apoio ás empresas pesqueiras galegas afincadas no país sudamericano. É o caso de, en Puerto Madryn, Conarpesca, Iberconsa e Estrella Patagónica; e, en Puerto Deseado, de Vieira Argentina, Argenova e Pesquera Puerto Deseado.

Explicou que se deu cumprimento a outros dous obxectivos que se marca o Goberno galego, e que pasan por poñer en valor a cadea mar-industria na dinamización da economía e na xeración de riqueza local, así como visibilizar a súa ampla presenza física, ademais de fortalecerse o diálogo entre ambas rexións na consecución dunha alianza sostida no tempo e de disipárense aqueles interrogantes de primeiros de ano, que aventuraban as intencións do Goberno arxentino de liberalizar as licenzas de pesca nas súas augas, cunha clara vantaxe para China.

Para Galicia é primordial desenvolver a actividade marítima-pesqueira, nun marco de política económica no que a calidade institucional e a seguridade xurídica son máis necesarias que nunca para garantir os bos resultados dun investimento de presente e, sobre todo, de futuro. Por iso, dende a consellería do Mar continuarase a poñer todo o empeño na consecución de novas oportunidades de crecemento económico no exterior porque a realidade das grandes pesqueiras así o demandan.

Por iso, fixo un chamamento a seguir traballando, entre todos e como ata o de agora, nese desexo conxunto de contribuír a construír a Galicia do futuro, como embaixadores da Galicia que Sabe Amar.

Exit mobile version