O equipo de rega asfáltica da Deputación de Lugo mellorou o firme en algo máis de 2,3 quilómetros da parroquia de Vilaronte: na Baesta, no camiño de acceso aos Castros, no barrio da Espiñeira, na Cernada – Seoane e no vial que une o cemiterio coa estrada a Ferreira, ademais do arranxo da explanada que sirve de estacionamento no cemiterio parroquial. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que son “camiños que presentaban un firme en mal estado e que dan acceso a vivendas, como no caso do vial á Baesta. Mellorouse o firme cun dobre tratamento en rega asfáltica e limpáronse a cunetas e as marches dos viais”.
O rexedor municipal engade que “un proxecto moi destacado foi o ensanche e aglomerado en quente do acceso ao núcleo de Vilaronte desde a estrada Ferreira – Foz. Con algo máis de 37.200 euros procedentes do Plan Único 2023 resolveuse unha demanda histórica da parroquia de Vilaronte, un traballo que iniciara Pepe Rivera e que permite ao núcleo de Vilaronte dispoñer dunha estrada de acceso digna e segura”. Fran Cajoto destaca “a boa vontade e a colaboración co Concello dos dous propietarios que cederon os terreos de forma completamente altruísta e que posibilitaron a ampliación da estrada. Unha colaboración desinteresada coa parroquia que lles debemos agradecer”. O proxecto incluíu a ampliación de algo máis de 245 metros de vial, a mellora do firme con aglomerado en quente, sinalización e disposición de separadores para a senda peonil ao cemiterio.
Futuras actuacións
Con cargo ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración 2023-2024 e por un importe de máis de 50.000 euros o Concello de Foz vai mellorar o firme no vial de acceso á praia de Fondás e renovará, con dobre rega asfáltica, o firme de dous camiños que conectan o barrio de Mañente coa estrada Nacional N-642, viais que están no entorno dos invernadoiros e que se encontran en moi mal estado.