Burela, 1 Maio, 2024. Os propios compañeiros rescataron ao home do mar e levárono ata o Peirao dos Mercantes, onde o agardaba unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso pasados uns minutos da 13:30 horas deste mediodía. Foi a esa hora cando o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba aos xestores do 112 que se desprazaba ata o Porto dos Mercantes unha ambulancia medicalizada, para evacuar a un paciente que xa fora rescatado tras caer ao mar dende a embarcación na que se atopaba. Indicaban que tiñan no punto unha ambulancia pero que enviaban tamén unha UVI móbil.
A partir de aí, o 112 puxo os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, da Policía Local, do GES de Cervo e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Burela. Así mesmo, informouse da situación ao persoal de Salvamento Marítimo e do Servizo de Garda Costas de Galicia.
Con todo, tras contactar co alertador, patrón da embarcación, este confirmou que se tratou dunha persoa que mentres pescaba enrolóuselle o cabo que manipulaba e caeu ao mar dende a embarcación. Por fortuna, foi rescatado polos seus propios compañeiros que o trasladaron ata o Porto. Alí o agardaban os profesionais sanitarios, que o evacuaron nunha ambulancia medicalizada ata o Hospital de Burela.