Ribadeo, 23 de maio de 2024. Trinta alumnos italianos e seis turcos farán prácticas en empresas de Ribadeo e na Pontenova ao longo das vindeiras semanas, segundo ven de anunciar o presidente de Apaga, Álvaro Doural. O primeiro grupo chegará á vila ribadense o vindeiro 31 de maio. As estadías enmárcanse dentro do programa Erasmus +, que está a desenvolver a asociación.
Doural explicou que “dentro do programa Erasmus + que está a desenvolver a asociación Apaga temos tamén este ano un importante número de alumnos que van vir de outros países. Está previsto que agora, a finais de maio, concretamente o día 31, cheguen 15 alumnos dun centro de Italia, de Maranello, que está pegado á fábrica de Ferrari. Van facer unha estadía formativa en empresas de Ribadeo durante 15 días. E despois, no mes de xullo, vai vir outro grupo de italianos outros 15 días. Quero resaltar o noso agradecemento ás empresas de Ribadeo que van colaborar nesta iniciativa polo esforzo que supón para elas na maioría dos casos ter dous alumnos para poder colocalos a todos na zona de Ribadeo”.
O presidente de Apaga contou que “despois no mes de xuño vamos ter, neste caso na Pontenova, seis alumnos de Turquía, que van estar en Industrial Recense, que é unha empresa que colabora con nos e que verdadeiramente ten unha visión do que é a formación e das iniciativas de apoio a entidades como a Apaga ou aos centros educativos. Xa xogou un papel moi importante na implantación do ciclo de Soldadura que está a funcionar na Pontenova, aínda que había quen dicía que iso non se ía levar a cabo nin ía ter continuidade, pero aí está”.
Doural dixo: “entón este é o plan que temos para estes meses, a chegada de todos eses alumnos. Tamén estamos preparando unha liña de colaboración cos centros que visitamos en Chile no mes de marzo; e estamos organizando o foro de innovación, que se fará os días 28, 29 e 30 de agosto”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia indicou que “neste mes de maio remataremos o programa de mobilidade de 2022, porque polo tema da pandemia levamos un retraso considerable, e a finais de agosto rematará o de 2023. É dicir que nos vamos poñer ao día por fin e para o ano vamos executar o proxecto de 2024. Normalmente pídese o proxecto execútase ao ano seguinte”.
E engadiu: “estamos francamente moi ilusionados pola chegada de todos estes alumnos e que tanto eles como as empresas que os acollen teñan un nivel alto de satisfacción. No seu día xa tivemos alumnos italianos é resultou moi ben. Neste caso creo que as cousas se poden mellorar bastante pola referencia do centro do que veñen, que ten 800 alumnos, só de automoción, e que traballa coa empresa Ferrari, que está ao seu lado, que é a institución veciña desta xente. Para nós é un aliciente importante colaborar con este tipo de institucións, que verdadeiramente aportan moito e que sempre é un valor engadido importante para a nosa organización”.