José Tomé Roca tomou parte este luns no encontro que agrupa aos representantes dos gobernos provinciais e insulares de toda España e no que se abordaron as principais liñas de actuación para os próximos anos deste organismo
Baseada nas resolucións do XIII Pleno da FEMP, esta folla de ruta quedou definida “como un documento vivo, aberto, flexible e suxeito a cambios ao longo do mandato”. Entre as principais liñas de actuación acordadas está a de incrementar a visibilidade das Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares; apoiar e facer seguimento dos acordos da Xunta de Goberno da FEMP; seguir abordando o reto demográfico; continuar na loita contra a violencia de xénero; implementar a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS); ou colaborar coa Fundación Democracia e Goberno Local.
No que ten que ver co reto demográfico, a comisión acordou seguir traballando para evitar a perda de poboación en zonas rurais e para asegurar os servizos básicos, en termos de equidade, en todas as localidades do país e intercambiar as boas prácticas e experiencias de éxito nos diferentes territorios. E sobre a violencia de xénero, este organismo aprobou analizar o papel e as potencialidades dos gobernos provinciais e insulares no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e traballar por establecer un compromiso “firme” de todas as Deputacións de España contra esta lacra.
Respecto da Axenda 2030 e os ODS, a Comisión chegou ao acordo de impulsar a inclusión desta folla de ruta en todos os ámbitos da súa xestión pública e promover a adhesión dos seus integrantes na Rede de Entidades Locais para o seu desenvolvemento, como entidades multiplicadoras no ámbito rural dos contidos da Axenda.
A Comisión acordou tamén analizar o proxecto dos Presupostos Xerais do Estado cada ano, coa finalidade de poder elevar á Xunta de Goberno da FEMP as propostas de emendas que se consideren, tales como a recuperación do volume da financiamento da Cooperación Económica Local do Estado.
Nesta primeira reunión da Comisión de Deputacións da FEMP aprobouse ademais que a próxima reunión terá lugar en Sevilla, o vindeiro 1 de xullo.