O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo participou este mércores na tradicional festa dos socialistas de Foz no Bispo Santo tras acudir tamén á manifestación polo Primeiro de Maio en Lugo
Durante a súa participación na festa dos socialistas focenses, José Tomé, xunto ao Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e ao Alcalde de Foz, Fran Cajoto, subliñou que os “socialistas temos hoxe tres motivos para festexar, porque celebramos o Día do Traballo con datos moi positivos, como o récord histórico de persoas afiliadas á Seguridade Social, a subida do Salario Mínimo Interprofesional ou a suba das pensións; porque o domingo José Ramón Gómez Besteiro tomou de novo as rendas do Partido Socialista, que lle fixeron soltar de mala maneira, con autoanónimos do PP; e porque Pedro Sánchez tomou a decisión de continuar á fronte do Goberno, e anuncia que ten aínda máis forza e que marcará un antes e un despois na rexeneración democrática, algo que estou convencido de que ocorrerá porque estes bulos, estas insidias e estes inventos non poden seguir máis, hai que lexislar”.
O Secretario Xeral dos socialistas na provincia esixiu de novo á Xunta un plan industrial para A Mariña, para provincia de Lugo e para o conxunto de Galicia, incidindo en que o PP “traizoou” a esta comarca porque “utilizou a Alcoa para facerse fotos, pero non aportou nada, pois foi o Goberno do Estado o que garantiu o acordo entre os traballadores e a empresa; cando á Xunta lle tocou o peche de Vestas ou de Calvo pasou de puntillas e aproboulles os EREs; e prometeu unha empresa para logo levala a outro sitio, e, ademais, nin era sostible, nin crea os miles de empregos que se vendera”.
José Tomé mostrouse convencido de que con Besteiro os socialistas serán capaces de reactivar o partido e de volver a gobernar a Xunta de Galicia.
Así mesmo, comprometeuse a seguir colaborando na medidas das posibilidades e recursos da Deputación para continuar mellorando os servizos e as infraestruturas dos concellos da Mariña e de toda a provincia.