Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo conta xa co servizo pediatría todos os días

Ribadeo, 9 de maio de 2024. Ribadeo conta xa co servizo de pediatría todos os días. Anunciouno o alcalde, Dani Vega, quen explicou: “dende o Concello estivemos buscando a solución e xestionando ante a Xunta de Galicia para que o servizo de pediatría fora de todos os días e dende logo conseguímolo”.

Pero o rexedor municipal manifestou tamén que “non é un tema para esquecer, é un asunto para ser constante e esixente e que se cubra calquera baixa ou vacación porque dende logo Ribadeo non pode perder ese servizo diario de pediatría. Sabemos da dificultade e que é moi complexo buscar un pediatra para cubrir unha baixa ou unha vacación porque non os hai”.

Dani Vega engadiu: “nestes días tivemos varias reunións coa Consellería e estivemos buscando solucións. Nestes momentos o servizo de pediatría en Ribadeo é de todos os días, pero estamos atentos e vixiantes e con esa relación constante entre administracións porque vai haber vacacións, seguramente que haberá baixas, e debemos ser esixentes para que a Xunta de Galicia comprenda: ten que ser consciente que dada a poboación de Ribadeo o servizo de pediatría ten que ser de todos os días”.

O alcalde de Ribadeo rematou comentando que é “un problema solucionado, pero o Concello non vai aparcar o tema senón que vai ser constante e esixente porque o servizo de pediatría en Ribadeo ten que estar todos os días dada a poboación e o número de familias que acoden ao pediatra. Polo tanto vamos estar traballando e todas as familias saben que teñen ao Concello ó seu servizo e se necesitan algo vamos seguir axudando e colaborando”.

Exit mobile version