O rexedor comezou a súa intervención aludindo a Otero Pedrayo: gustaríame comezar esta intervención recordando as verbas do noso querido Otero Pedrayo, En Galicia temos fartura de despedidas, pois é terra de adeuses. En Ribadeo subscribimos estas palabras, pois ben o sabemos, non hai familia no noso concello que non contara na súa historia recente cun dos seus membros na emigración”.
Vega subliñou que o Ribadeo Indiano “é un evento multidisciplinar, que parte do feito da emigración, e ten desde o principio como trazos diferenciadores o seu marcado carácter cultural. Despois de 8 anos nos que o éxito foi a máis, agora toca afrontar unha nova edición coa ilusión posta nunha celebración que nos dá a coñecer polo mundo adiante e que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán mariñán e galego”.
E dixo que “grande parte do éxito das edicións anteriores radica na participación masiva da veciñanza de Ribadeo e das persoas que nos visitan. Non só estamos a falar do feito máis evidente de elixir a vestimenta de estilo indiano e encher de luz as nosas rúas…, falamos tamén dunha implicación na organización e desenvolvemento do evento, que precisa dun traballo de moitas persoas, repartido en infinidade de actos”.
A concelleira de Turismo sinalou que “o Ribadeo Indiano é unha celebración cultural e festiva que ten tres grandes obxectivos: poñer en valor o noso rico legado emigrante; celebrar valores como a integración, a solidariedade, a concordia ou a interculturalidade e contribuír a que os países de acollida non sexan só lugares onde repousa boa parte da memoria de Galicia, senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos, a través do mutuo intercambio e coñecemento”.
Marta Saiz dixo que se trata “dun evento que ten como base latente ser un foro, unha voz no alto, para falar dos movementos dos pobos, das súas causas, das súas consecuencias, das súas miserias e das súas grandezas. A Alma de dous mundos é temática desta nova edición coa que pretendemos plasmar as diversas realidades que se vivía nas dúas veiras do Atlántico; xeitos de vivir que se encontraron e que hoxe en día forman parte dun acervo común”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa subliñou o impacto económico que supón para Ribadeo esta importante celebración: “é a maior das actividades que se realizan ao longo do ano. En tan so tres días o Ribadeo Indiano xera millóns de euros de facturación nas nosas empresas”. E aludiu tamén á importante ocupación hoteleira que xa rexistra Ribadeo para esa fin de semana de xullo.
Jesús Pérez indicou que “o Ribadeo Indiano converteuse na festa máis esperada do ano por ribadenses e visitantes chegados desde calquera punto do país. Toda a vila se engalana para retornar un século atrás e así acordarnos daqueles que marcharon coas maletas cheas de recordos, pero tamén de ilusións. Esa é a esencia do Ribadeo Indiano”.
O conselleiro definiu o Ribadeo Indiano coma “un evento singular, que ten un gran potencial cultural e patrimonial e que fala dun aspecto tan importante como é a emigración. Con eses tres compoñentes este tipo de eventos teñen que ser apoiados polas administracións. A Xunta seguirá a apostar polo apoio a un evento destas características”.
López Campos subliñou que “a Galicia que hoxe somos ven determinada polo que fomos no pasado, en Ribadeo e noutros puntos de Galicia nos sentimos moi identificados coa emigración”.
E engadiu que “o difícil non é crear este tipo de eventos, senón poder mantelos ao longo do tempo. Desde a Xunta apoiaremos de forma decidida a Ribadeo, como o viñemos facendo anteriormente e o seguiremos a facer nos vindeiros anos para que este evento e toda a actividade cultural que ten Ribadeo a sitúen como vila referente no ámbito cultural”.
O IX Ribadeo Indiano celebrarase do 12 ao 14 de xullo. O evento contará con Pilar Cagiao, historiada da USC, como pregoeira desta edición. A música será parte importante do programa, coma sempre, con concertos todos os días. O máis esperado será o do domingo que chega de Alén Mar, na voz do dominicano Vicente García, gañador de 3 Latin Grammy no 2017, 2 no 2019 e outro no 2023. Esta cita, xunto co sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, suporá o broche de ouro a esta novena edición.
Charlas, xincana, coches clásicos, mercado de produtos de ultramar, verbenas tradicionais, festival de habaneras e obradoiros de baile, entre outras moitas actividades, farán que os asistentes se deixen levar polas imaxes da emigración chegada das Américas a través do porto de Ribadeo. A hostalería ofrecerá menús e cócteles indianos, especialmente preparados para a ocasión.
Daniel Vega, Marta Saiz e Jesús Pérez convidaron a achegarse a Ribadeo do 12 ao 14 de xullo para gozar deste importante evento cultural co que a vila ribadense rende un ano máis homenaxe aos seus emigrantes e a todo o que supuxeron para este municipio, onde a súa pegada está moi presente tanto no casco histórico coma nas parroquias.