A obra colectiva, que recolle a historia da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, será o sábado 4 de maio, ás 13 horas no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19, Burela
Burela, 2 de maio, 2024. Chegou o maio, de flores cuberto. Como xa o escribía o poeta Curros Enríquez, desde o Xebra, en Burela, esperan tamén un maio “sen segas, usuaras nin preitos / sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos”. É así que organizan a cita desta fin de semana, en que reciben a Carlos Barros, membro fundador da SCD do Condado e coordinador do volume ’50 anos de resistência cultural. SCD do Condado 1973-2023′, para falar desta obra colectiva que será presentada no centro social o sábado 4 de maio ás 13 horas.
A presentación mostrará unha perspectiva xeral deste traballo de investigación e documentación sobre a SCD, cuxo labor impactou fortemente na comarca do Condado ao longo das últimas décadas. Ademais de demorar no Festival da Poesía, evento estrela na axenda anual da entidade, Barros falará tamén sobre a difusión de novos valores e formas de participación popular que foron posibles grazas ao traballo común da organización. A cita fechará con un pequeno recital poético e unha sesión vermú.
Desde o Xebra convidan o público a asistir ao evento, que será de libre acceso. Como é habitual nas citas deste local burelao, a organización promete boas conversas, vermú e música para unha mañá de sábado na Mariña.