O delegado trasladou a vontade de diálogo permanente do Goberno para dar unha resposta conxunta aos desafíos dun sector que emprega a máis de 50.000 persoas en Galicia
O delegado enmarcou esta reunión “no diálogo permanente deste Goberno co sector pesqueiro, un encontro positivo e produtivo para dar unha resposta conxunta aos retos e desafíos dunha industria que dá traballo a máis de 50.000 persoas, un 50% do emprego marítimo pesqueiro de toda España”.
Neste senso, quixo remarcar que “estamos ao carón do sector co fin de impulsar o tecido produtivo e o desenvolvemento económico da pesca en Galicia”, poñendo como referente ao Porto de Celeiro como un paradigma do que o Goberno defende, “a aposta por unha actividade pesqueira moderna, sostible e con futuro”. Así, salientou “que o futuro do sector pasa pola renovación e modernización da frota para contar con barcos máis seguros, eficientes e confortables que avancen cara á descarbonización”. Neste marco, avanzou que proximamente sairán as axudas do PERTE Mar-industria, unha convocatoria con 40 millóns de euros de orzamento do Plan de Recuperación, “tan demandado pola industria galega”.
Por outra banda, Pedro Blanco informou que Galicia é a CCAA que máis fondos recibe do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) en España, cun total de 366 millóns de euros, polo que pediulle á Xunta responsabilidade na xestión e que execute todos os programas “para que non quede nin un só euro sen investir en Galicia”.
Nesta liña, o Goberno de España destinou 70 millóns de euros en axudas para combustible, compensando os custos extraordinarios derivados do Brexit, a COVID-19 ou a guerra da Ucraína. Ademais, o delegado incidiu na falta de relevo xeracional e na transcendencia de accións encamiñadas na formación marítimo pesqueira, como a que se promoveu no Porto de Celeiro a bordo do buque Intermares.
Como conclusión tras a xuntanza, o delegado rematou aseverando que “recollemos as demandas do sector e seguiremos traballando da man, porque o Goberno de España cre na pesca e no seu futuro”.