A secretaria xeral do PPdeG asegura que os días de reflexión de Pedro Sánchez foron “unha obra de teatro cun guión moi claro” e lamenta que “este suposto punto e aparte en nada beneficiará a Galicia e en nada fará avanzar as cuestións que preocupan e ocupan aos galegos”
Compostela, 2 de maio de 2024. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, encabezou esta mañá unha reunión de traballo cos deputados nacionais e senadores galegos do partido na que quixo poñer en valor o traballo que cada día fan nas Cortes Xerais “defendendo Galicia con propostas fronte ás críticas e con proxectos fronte aos insultos” e “devolvendo aos galegos a confianza que depositaron neles”.
“Están cada día levando a iniciativa das cuestións que preocupan aos galegos e que dependen dun Goberno de España que sigue sen cumprir con Galicia”, explicou citando asuntos que supoñen “ataques frontais” á nosa Comunidade como a transferencia da AP-9, as competencias de xestión do litoral, os fondos europeos ou a chegada da Alta Velocidade.
Temas todos eles que protagonizan as preguntas e as iniciativas que os parlamentarios do PPdeG rexistran tanto no Congreso dos Deputados como no Senado. Un labor que contrasta cualitativa e cuantitativamente co “seguidismo absoluto a Pedro Sánchez” dos 15 representantes da esquerda nas Cortes Xerais.
“Os representantes do PPdeG son o contrapeso a un Sánchez que desapareceu cinco días pero leva anos desaparecido de Galicia e o contrapeso tamén a esas cortinas de fume que cada día levantan os ministerios para non dar explicacións de por que non avanzan os temas importantes para Galicia”, remarcou.
Precisamente en referencia aos cinco días de reflexión do presidente do Goberno, Paula Prado concluíu que se tratou dunha “obra de teatro cun guión moi claro” e lamentou que “este suposto punto e aparte en nada beneficiará a Galicia e en nada fará avanzar as cuestións que preocupan e ocupan aos galegos”.