Site icon Crónica3.com A Mariña

Paula Prado pide un voto masivo ao PP nas europeas como o que permitiu a Daniel Vega recuperar a Alcaldía de Ribadeo

Ribadeo, 24 de maio de 2024. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apelou hoxe o apoio masivo que recibiu o Partido Popular en Ribadeo nas eleccións municipais para facer posible unha nova vitoria nas eleccións europeas do 9 de xuño e facer fronte así a políticas tan daniñas para a comarca da Mariña como o veto á pesca de fondo.

Fíxoo precisamente neste concello e acompañada do alcalde Daniel Vega, no acto organizado polo partido local para celebrar a vitoria do 28-M. Unha vitoria que, tal e como asegurou a número dous dos populares galegos, permitiu derrotar a un BNG “con dúas caras” que “pretende agochar que durante estes anos se integrou no Parlamento Europeo no mesmo grupo dos Verdes que quere destruír a nosa actividade pesqueira co veto á pesca de fondo e o noso rural coa protección do lobo”.

“Cando vimos á Mariña lucense, nós si podemos mirarlle aos ollos aos veciños e veciñas. Algo que non pode facer Pedro Sánchez nin os candidatos do PSOE e do BNG a estas eleccións europeas, con políticas nefastas para Galicia, para España e tamén para esta comarca”, engadiu.

Paula Prado non dubidou en aproveitar a ocasión para felicitar a Daniel Vega polo seu labor á fronte do Concello de Ribadeo, recoñecéndolle publicamente a súa capacidade de traballo e, sobre todo, a súa capacidade para buscar e atopar sempre as mellores solucións para os seus veciños.

Exit mobile version