Os populares sinalan que “un exemplo do que é gobernar é desenvolver políticas activas que favorezan a creación de emprego, o que si fan outros concellos da contorna, pero que o bipartito da señora López Moreno é incapaz de conseguir”
Os populares refírense aos datos do paro do último mes da Mariña que revelan que “só en 4 dos 16 concellos” subiu o paro. “E non é casualidade que Burela sexa o concello no que máis subiu, máis que nos outros tres concellos xuntos con cifras negativas. Só no último mes en Burela hai 23 parados máis, cando no conxunto da Mariña é de 43. É dicir, máis da metade son veciños e veciñas de Burela”.
Dende o PP poñen como exemplo concellos similares como son o de Foz, Ribadeo ou Viveiro onde o número de parados baixou en 11, 13 e 28 persoas, respectivamente; cando en Burela subiu en 23 persoas.
“Esta triste cifra débese á ausencia total de políticas activas de creación de emprego na nosa vila que nos coloca no furgón de cola da Mariña”, sinalan os populares. Ao respecto, explican que “gobernar non é facerse fotos e posados para crear unha falsa sensación entre a veciñanza de crecemento e actividade. Gobernar é facilitar a creación de emprego, o que si fan outros concellos da contorna, algo que o bipartito da señora López Moreno é incapaz de conseguir”.