Tamén se reparou o espigón da praia da Marosa en colaboración coa Dirección Xeral da Costa e o Mar do Goberno de España
Burela, 9 de maio de 2024. O Concello de Burela está a realizar a reparación dos paseos marítimos do municipio, que sufriron desperfectos logo dos últimos temporais, de cara á época estival.
“No paseo do Cantiño xa se actuou, está totalmente reparado, e actualmente estase actuando no paseo da Marosa”, explica o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
O edil afirma que para o Goberno local “é unha prioridade o mantemento dos paseos marítimos, coa fin de telos no mellor estado posible de cara ó verán, reparando os tramos deteriorados polos temporais”.
Ademais, tamén se realizarón obras de reparación no espigón da praia da Marosa, en colaboración coa Dirección Xeral da Costa e o Mar do Goberno de España.
“Costas colabora unha vez máis co Concello na reparación do espigón, xa que todos os anos este sofre as inclemencias meteorolóxicas”, sinala Fernández Rey. “A colaboración co Estado neste eido é total”, engade.
Ademais disto, o Concello xa ten adxudicado o servizo de desbroce de camiños e de pistas e está preparando xa o acondicionamento de todas as praias para o verán. A previsión é que neste mes comecen os traballos nas praias e se organice o servizo de limpeza das mesmas.
“O Concello móvese para que Burela estea no mellor estado posible tanto para a veciñanza como para a xente que nos visite en verán, que agardamos que sexa moita”, subliña Fernández Rey.