Site icon Crónica3.com A Mariña

Os centros de Fillas do Divino Celo Rogacionistas de A Mariña atenderon o pasado ano a 90 menores pertencentes a 66 familias

Burela, 24 de maio de 2024. Como cada ano, comprácenos compartir con toda a sociedade, a través dos medios de comunicación da nosa comarca, a Memoria de actividades correspondente, neste caso, ao exercicio 2023. Ao mesmo tempo, cumprimos, como non pode ser doutro xeito, co deber de máxima transparencia que debe manter unha institución como a nosa, dedicada a unha tarefa tan sensible como a que temos encomendada: a atención a menores de familias vulnerables ou en situación de risco de vulnerabilidade.

Durante os doce meses do ano, acompañamos e demos atención a un total de 90 nenos, nenas e adolescentes, que se reparten entre 66 unidades familiares, no conxunto dos nosos Centros e Programas en A Mariña: Centro de Atención de Día (36 menores), Casa de Familia (12 menores), Centro de Acollida e Inclusión Social (6 menores) e Espazo de Preservación Familiar (36 menores), ademais do Centro de Acollida de Transición á Vida Autónoma (orientado a usuarios que xa cumpriron a maioría de idade).

O orzamento anual que fixo toda esa obra social posible alcanzou, en 2023, a cifra de 1.056.000 euros, o que supuxo un incremento do 16% sobre o exercicio anterior. Desexamos agradecer ás administracións públicas (coa Xunta de Galicia como principal financiador) todo o soporte económico que nos facilitan.

Unha novidade importante do ano 2023 foi o novo concerto social establecido coa Xunta en canto ao Centro de Atención de Día que, desde o pasado 1 de novembro, conta xa con 30 prazas, fronte ás 20 que tiña ata esa data.

O 2023 foi tamén o ano da posta en marcha, en Foz, dun novo programa: o Espazo de Preservación Familiar San Aníbal Familia Educa. Trátase dun novo recurso en materia de integración e convivencia familiar e realízase a través dun acordo marco de colaboración con Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.

Na Memoria, detallamos as características da poboación atendida nos centros, os recursos humanos con que atendemos estes servizos, a formación que ofrecemos aos nosos profesionais, os recursos técnicos que temos a disposición, a área de comunicación (reforzada este ano) e un apartado ao que temos un especial agarimo: as diferentes saídas e viaxes lúdico-culturais que temos oportunidade de organizar para os menores ao longo do ano.

Exit mobile version