Site icon Crónica3.com A Mariña

O voluntariado de Afundación e ABANCA retira máis dunha tonelada de lixo mariño e flora exótica invasora en Barreiros

A actividade forma parte do programa PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial da Obra Social de ABANCA, que leva xa retiradas case 74 toneladas de lixo mariño e de especies exóticas invasoras da costa e areais de Galicia

Barreiros, 25 de maio, 2024. Medio cento de persoas, convocadas por Afundación, a Obra Social de ABANCA, participaron esta mañá nunha intensa xornada de voluntariado medioambiental na praia de Arealonga, tamén coñecida como praia de Reinante, no concello lugués de Barreiros.

O areal, incluído dentro da Zona de Especial Conservación de As Catedrais, está considerado como un entorno potencial para a cría e invernada da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave limícola ameazada en Galicia e considerada como vulnerable dentro do Catálogo galego de especies ameazadas. O obxectivo da dobre actuación realizada hoxe é mellorar o seu hábitat para facelo máis adecuado para ás súas necesidades.

Así, desde as 10 da mañá unha parte do grupo de persoas voluntarias se dedicou á retirada da coñecida como herba do coitelo (Carpobrotus edulis), unha especie exótica invasora que pon en risco a biodiversidade florística das dunas deste espazo natural regulado como Zona de Especial Conservación. O resto de persoas convocadas á actividade recolleron lixo, principalmente plásticos. Entre os residuos atopados destacan así mesmo os procedentes da actividade pesqueira como cordas, cabos e cabiños, paus de batea, nasas, madeiras tratadas, máis de 260 cubos e caixas de peixe; e tamén residuos procedentes do consumo en terra como botellas, botes ou bricks, téxtiles e roupa; 132 bastóns dos oídos ou 428 tapóns.

En total o voluntariado convocado pola Obra Social de ABANCA logrou retirar do areal máis dunha tonelada de herba do coitelo e lixo mariño.

Trala xornada de hoxe, no marco deste plan de conservación territorial impulsado por Afundación retiráronse xa dos fondos e costas de Galicia máis de 70 toneladas de lixo mariño e tres toneladas e media de especies exóticas invasoras. Ademais do beneficio ambiental que supoñen este tipo de actuacións nas contornas nos que traballan as persoas voluntarias, esta iniciativa ten como obxectivo promover na sociedade formas de actuar responsables. PLANCTON procura así previr estes impactos, reducindo a xeración de residuos con boas prácticas fáciles de implementar no día a día, que permitan manter os recursos actuais sen comprometelos para as xeracións futuras. Todo isto acorde ao compromiso de ABANCA a Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submariña e ODS-15 Vida de ecosistemas terrestres.

Exit mobile version